Dixitalizada a rede de faixas de xestión da biomasa dun millón e medio de parcelas

1 minutes read

O Instituto de Estudos do Territorio xa dixitalizou a rede de faixas de xestión da biomasa dun millón e medio de parcelas distribuídas entre os 210 concellos galegos, que contan cun plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais. O conxunto de parcelas suman unha extensión de 565 km2 de superficie de faixa determinada.

Este traballo estase a realizar en base a un convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Consellería do Medio Rural para aproveitar e unir sinerxías e definir estratexias preventivas e de planificación, para anticiparse aos lumes forestais que poidan afectar aos montes galegos.

Neste sentido, o IET prepara información que se pon a disposición de concellos e administrados a través do Sistema Público de Xestión de Biomasa, creado ao abeiro do convenio para a protección das aldeas asinado entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga. Esta información almacénase nun visor que analiza e modeliza grandes cantidades de datos a nivel de parcela catastral que poden delimitar as distintas redes de faixas de xestión da biomasa.

Este traballo axuda a reforzar a defensa dos núcleos de poboación fronte o lume, na medida en que permitirá analizar a información urbanística dos concellos, as construcións e o resto de datos necesarios para a xeración das faixas secundarias, é dicir, as franxas de terreo máis próximas ás vivendas; así como unha mellor xestión das referencias catastrais afectadas e dos datos básicos de superficies, para poder xerar os mapas dos municipios coas súas faixas secundarias. Ademais, esta información poderá ser incorporado por parte dos concellos nos plans municipais de prevención e defensa contra incendios que, por lei, cada concello ten que aprobar.