Dj Frisco e Marcos Peón sacan un novo single, ‘Sara Perche’

2 minutes read

O sadense Dj Frisco e os vilalbés Marcos Peón colaboran de novo coa raíña do Jackin House, Martina Budde e este venres sacan á venda, en todos os portais dixitais, «Sara Perche”. Neste novo lanzamento, volven apostar polos sons oitenteros con bases e sons actuais que tan bo resultado están a dar nas pistas de baile máis selectas.

Nesta ocasión a formación hispano alemá, atrevéronse a facer unha versión nin máis nin menos que do éxito de Ricchi e Poveri ,”Sarà perchè ti amo”, orixinal do 1981. Track polo que están a recibir uns feedbacks moi positivos de grandes produtores internacionais. Unha aposta segura, coa que confían seguir nas listas de éxitos máis importantes de Europa e Latinoamérica.

Martina Budde, DJ Frisco & Marcos Peon – Sara Perche (Radio Edit).

É a oitava colaboración entre os djs e produtores galegos coa artista de proxección internacional Martina Budde, que xa acumulan máis de 250.000 reproducións en Spotify

Coas súas dúas últimas colaboracións, «Louie» e “Gloria, Frisco e Marcos xunto a Martina, chegaron por dúas veces ao Nº1 da lista de música electrónica en Itunes España, ademais de chegar ao posto Nº 40 e Nº33, respectivamente, da lista xeral de éxitos de Itunes do noso país.

Nas súas últimas producións, Taibo e Peón, lograron situarse dentro do “circuito” House mundial e as súas cancións foron incluídas en Charts e Listas de éxitos de países como Estados Unidos, España, México, Colombia, Reino Unido, Italia, Alemaña, Francia ou Canadá. Ademais recibiron o apoio nas súas producións de artistas internacionais da talla de Fedde Le Grand (TOP 19 do Mundo en 2022), Claptone (TOP 31 do Mundo en 2022), Lucas & Steve (TOP 84 do Mundo en 2022), Sunnery James & Ryan Marciano, Benny Benassi, Robbie Ribera, Joachim Garraud , Djs From Mars, Leandro da Silva, Fernandisco, Nicola Fasano, StoneBridge, Paul Parsons, Michelle Weeks, Don Diablo, Lost Frequencies, Silvio Carrano ou Junior Jack.

Por outra banda, os djs galegos, sacan á luz a súa festa para este verán «Eu lataba en EXB», onde se poderán lembrar todos os éxitos de todos os estilos, desde os anos 80, cuns visuais creados especialmente para estes eventos e que seguro farán regresar ao público á súa etapa de nenez. As tres primeiras edicións celebraranse en Narón, Cervo e Ames.