Djokovic «profundamente decepcionado» pola súa expulsión de Australia


Novak Djokovic está «profundamente decepcionado» pola decisión da Xustiza australiana de ratificar a cancelación da súa visa e a súa deportación. O tenista serbio dixo «respectar» a decisión e mostrou o seu desexo de que o foco de atención volva estar «no deporte». Os tres xuíces do Tribunal Federal encargados de estudar o recurso presentado por Djokovic desestimaron por unanimidade anular a cancelación do visado. O que o deixa sen poder defender a súa coroa no Aberto de Australia e sen poder tentar lograr o seu 21 Grand Slam. A súa deportación parece inminente, ante a estupefacción dos seus seguidores. «Moi triste. Novak non se merece isto. Novak veu aquí a xogar a tenis, non podo entender que tipo de ameaza supón para este país», sinalaba un dos seus incondicionais ás portas do Tribunal Federal en Melbourne.