Doce millóns de lámpadas led xa iluminan o Nadal de Vigo

1 minutes read
  • Tras a conta atrás, este sábado ás 20:00 horas, arrincou o Nadal no Planeta Terra.

O alcalde da cidade, Abel Caballero, prendeu o alumeado de Nadal logo da xa coñecida conta atrás en inglés, castelán e galego coa que cada ano inaugura as festas «en todo o planeta». Nunha Porta do Sol ateigada malia a choiva, Caballero acendeu os case doce millóns de luces led repartidas por 460 rúas e prazas, corenta máis que o ano pasado. Unhas 7.000 persoas presenciaron en directo o espectáculo ao pé dunha árbore de 45 metros de altura que xa se converteu no símbolo destas festas que cada ano atraen milleiros de visitantes á cidade olívica. Malia as cancelacións de última hora polo mal tempo, esta fin de semana a ocupación media supera o 80 % nos hoteis da cidade.