Docentes da Costa da Morte afondan nos cambios metodolóxicos para a mellora educativa no rural


Docentes de 12 concellos da Costa da Morte reúnense no colexio CPI plurilingüe Cabo da Area de Laxe, con motivo da xornada formativa Espazo Educa-Creando Pontes para afondar nos retos educativos, sobre todo nunha contorna rural como é o caso desta zona, que concentra 42 centros escolares con preto de 5.700 alumnos. No acto deste venres estivo presente o secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta de Galicia, José Luis Mira, quen destacou que un dos retos da educación do futuro é a introdución de cambios metodolóxicos vinculados á innovación e á transformación dixital. O representante autonómico incidiu en que as competencias tecnolóxicas son “un elemento diferencial que marcará os índices de calidade do noso sistema no futuro, e máis aínda na escola do rural”.

Nesta liña, José Luis Mira insistiu na importancia da formación do profesorado a través de xornadas coma esta organizada polo Centro de Formación e Recursos da Coruña, na que se abordan temas específicos como as competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e a convivencia construtiva entre o conxunto dos actores da comunidade educativa. A este respecto, o secretario xeral de Educación incidiu na importancia de involucrar tamén ás familias neste proceso de innovación e cambio metodolóxico, a través de contornas activas e diálogo construtivo onde todas as aportacións suman a prol dunha escola cada vez máis inclusiva e innovadora.