Documental: 12 leiras, expropiacións para o polígono de Sabón en 1965


O documental de Xabier Maceiras e Xosé Bocixa proxectouse este luns no Fórum Metropolitano da Coruña. 12 leiras aborda o pasado rural de Sabón, antes da construción do Polígono Industrial.

As casas de pedra abrigaban ás familias cuxa vida xiraba arredor da lareira, as cortes, os alpendres, os hórreos ou os muíños que quedarían asolagados nas augas do encoro do Rexedoiro. A comarca, unha chaira con boas terras de cultivo, sustentaba unha economía labrega na que o gando e a terra tiñan unha importancia vital. Os terreos que hoxe ocupa o Polígono Industrial de Sabón pertencían, ata 1965, ao rural galego.

Estas terras que posuían as veciñas e veciños labregos estaban cargadas de historia. Ante a perda de poder adquisitivo de determinadas familias adiñeiradas, como son Nava e Ortega, Santos, Suárez de Deza ou os Del Río, as labregas da zona compráronlles as terras nos primeiros anos do século XX cun enorme sacrificio. Moitas das súas descentes deixan o seu testemuño neste proxecto audiovisual de Xabier Maceiras e Xosé Bocixa que conta coa participación de coa participación de Tingalaranga Comunicación audiovisual, A C Monte da Estrela (Arteixo), Nós Televisión na produción e tamén na emisión do filme. O documental recibe o nome de ’12 leiras’ porque doce foron as leiras que lles expropiaron a Emilio Rodríguez e Carme Pan, avós maternos de Xabier Maceiras, guionista e codirector do proxecto.