O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou en Cee nos actos de homenaxe a Domingo Antonio de Andrade, un «ceense universal» unha das figuras máis importantes do barroco en Galicia ao que a Real Academia de Belas de Artes dedica este ano o Día das Artes Galegas.
Acompañado da alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, e o de presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, González Formoso participou na ofrenda floral fronte ao monolito que lembra ao insigne arquitecto ceense e na inauguración de dúas exposicións que repasan a súa extensa traxectoria artística e arquitectónica na Casa da Cultura da localidade.
«Se o barroco ten un nome propio en Galicia é o de Domingo de Andrade», afirmou o presidente da Deputación da Coruña, que detallou algunhas das obras máis significativas do aqruitecto coma a Torre da Berenguela da Catedral de Santiago «que durante séculos serviu co singular son das súas campás como un faro en terra para guiar aos peregrinos que completaban o seu camiño» ou as icónicas escaleiras de caracol de Santo Domingo de Bonaval, «que semellan flotar no aire e que, 320 anos despois da súa construción, seguen asombrando ao mundo pola súa beleza e virtuosismo técnico».
Unha impronta estendida ao longo de toda Galicia
González Formoso destacou que se Compostela é hoxe unha das principais cidades monumentais de Europa «débese en boa medida ao xenio creador» do arquitecto ceense, autor de elementos elementos patrimoniais claves da capital galega, «pero que tamén deixou a súa impronta artística ao longo da Costa da Morte e de boa parte da xeografía galega» con obras coma a sacristía e a sala capitular da Catedral de Lugo, a capela do Rosario no Mosteiro de Sobrado ou o retablo maior da Virxe da Barca de Muxía, que se perdeu no incendio do santuario en 2013.
O presidente da Deputación destacou o importante papel que desempeñou a vila de Cee para reivindicar a figura do que, xunto co fliántropo Fernando Blanco de Lema, é un dos seus fillos máis ilustres. «A implicación dos distintos gobernos municipais ao longo dos últimos 30 anos fixo posibles grandes iniciativas que serviron para dar a coñecer o inmenso legado artístico e arquitectónico que nos deixou», afirmou.
Finalmente, o presidente agradeceu á Real Academia Galega de Belas Artes e ao seu presidente, Manuel Quintana Martelo, que decidirán dedicar o Día das Artes Galegas a Domingo de Andrade, «unido o seu nome a outros persoaxes sobranceiros da nosa arte» como Castelao, Maruja Mallo, Alejandro de la Sota, o Mestre Mateo ou Luís Seoane.