Partido correspondente á xornada 7 da segunda división feminina que enfrontou ao Vitoria CF e ao Bergantiños FC no campo da Grela 1 ante un centenar de espectadores.
O partido tivo dous partes moi distintas e diferenciadas.
Nun primeiro tempo, o Bergantiños dominou a base de oficio e pegada. Oficio xa que soubo entender o que o partido pedía, con presión alta e balóns diagonais ás costas, e así o Bergan chegaba con boas accións. De feito nunha desas accións, Yaiza conectaba con Cruz e esta non fallaba ante Paola e no minuto 11 subía o 0-1 ao marcador. Transcorrían os minutos e a tónica marcada desde un inicio do encontro seguía sendo a mesma: partido disputado no medio, aínda que o Bergantiños conseguía poñer en máis apretos a Paola con algunha chegada á área, e o Vitoria non concretaba nin chegaba á área de Andrea con perigo.
Corría o minuto 34 e de novo Cruz, tras un gran pase de Lore volvía a plantarse soa diante de Paola, e non fallaba poñendo o 0-2 no marcador, resultado co que se chegaba ao descanso. Podemos destacar algunha acción de perigo previa ao tempo de descanso de Alba, Noe, Cruz… pero non definían o suficiente.
Tras o paso por vestiarios o partido daría un xiro de 180°: o dominio do Bergantiños pasaría a mans do Vitoria CF que na segunda metade fíxose co tempo e o ritmo do partido. No minuto 69, Alexia tras unha xogada batía a Andrea e subía o 1-2 ao marcador, resultado co que se chegaría ata o final do encontro. Tras o gol do Vitoria, o nerviosismo instaurouse no equipo rojillo pero non se movería o marcador. Nesta segunda metade, o Bergantiños defendería ben e o Vitoria non foi quen de achegarse con perigo á área do Bergan.
Partidazo o vivido no campo da Grela, como era de esperar pois no terreo de xogo enfrontábanse dous grandes equipos. Esta vitoria sérvelle ao equipo de Carballo para seguir liderando na clasificación a falta de tres xornadas. A próxima xornada o Bergantiños visitará ao Xuventude de Crendes, un rival sempre incómodo e complicado.