Don Paulino é o cura párroco da parroquia de Setecoros en Valga e da de Dimo en Catoira. A don Paulino xurdiulle a idea de lanzar unha mensaxe a modo de canción para que os mozos se conciencien da necesaria «responsabilidade» ao volante dun coche. Para iso o cura contou coa colaboración indispensable da Orquestra La Fórmula, para que a mensaxe da canción e o seu videoclip calen na mocidade. Precisamente o cura, a orquestra e uns estudantes de instituto lanzaron un videoclip e a canción ‘Responsabilidade‘, para concienciar aos mozos sobre os problemas derivados do botellón e o consumo de alcol ao volante.
O retrouso da canción di «cando bebas, non conduzas; non cha xogues, recolle ao terminar; deixa o coche e pide un taxi, coida a túa vida e a dos demais«. Desta forma búscase promover comportamentos alternativos ao consumo excesivo de bebidas alcohólicas, en festas e eventos musicais, que deriva en ocasións en «violencia verbal, accidentes de circulación, incumprimentos sanitarios e espazos públicos sucios«.
O consumo moderado de bebidas alcohólicas e as condutas de vida saudables favorecen «a convivencia, a seguridade viaria, o respecto ao medio ambiente e os espazos públicos«, ademais de respectar as medidas sanitarias contra a Covid-19 co uso da máscara.
O orzamento do videoclip da canción chegou aos 5.000 euros. A organización pide a colaboración da cidadanía para sufragar os gastos. «A educación é a arma máis poderosa que podes usar para cambiar o mundo«. Esta frase de Nelson Mandela resume o obxectivo desta iniciativa social para a que Don Paulino busca embaixadores que difundan a mensaxe do videoclip que xa se presentou en sociedade e cun gran éxito.
