¿Dónde están los niños?, de Tartean Teatroa, presentarase este venres 30 en Vimianzo  

1 minutes read

O Auditorio Municipal de Vimianzo recibirá este venres ás 20:30 horas ¿Dónde están los niños?, da compañía vasca Tartean Teatroa. Escrita e dirixida por Jokin Oregi, a obra parte da historia de Maddi, unha nena de oito anos que desde hai tempo mostra sinais de que algo non vai ben, para construír un retrato coral dos adultos que a rodean e unha reflexión sobre as presións que recaen na infancia. Os personaxes infantís nunca aparecen en escena: os adultos interactúan con eles, pero o público non os ve. As entradas están á venda (5€) na plataforma Woutick. A obra está enfocada a público adulto e será en castelán.

Sinopse ¿Dónde están los niños?

«Os nenos non lembran o que tratamos de ensinarlles. Lembran o que somos» (Jim Henson). 

Maddi, que é como se chama a nena da nosa historia, leva unha longa tempada amosando sinais de que algo non vai ben. Está inapetente, as súas notas na escola empeoraron considerablemente e na casa móstrase esquiva ante os intentos dos seus pais por saber que lle pasa. Finalmente deciden levala á consulta de Leire, a psicóloga. Porén, unha grave crise obriga a todos a enfrontarse ao acontecido. Sobre estes feitos aséntase unha dramaturxia que revela a presión á que son sometidos os nenos e nenas por unha sociedade crebada, cruelmente esixente e absolutamente depresiva.