O temporal que azoutou este venres a Galicia, con fortes choivas e vento e mesmo neve, deixou a 1.663 nenos sen clase e causou numerosas incidencias nas estradas da comunidade, moitas delas accidentes de tráfico, como un ocorrido en Carballo co resultado dun mozo de 23 anos falecido, e outros sen feridos de gravidade, como os oito menores atrapados nun autobús no municipio coruñés de Toques. O noroeste e oeste da provincia da Coruña están en alerta vermella desde esta madrugada por temporal costeiro e ondas de 9 metros, mentres que o resto do litoral galego permanece en alerta laranxa e o interior da comunidade seguirá nun nivel de aviso amarelo por nevadas, por mor da borrasca atlántica Dora, que ten en alerta a case toda España. Case 300 incidencias foron rexistradas en Galicia desde as 18,00 horas deste venres relacionadas co temporal que afecta á comunidade. Por provincias, a de Lugo foi a máis afectada, con 109 incidencias inscritas. Ademais, na Coruña rexistráronse 79, seguida de Pontevedra con 72 e de Ourense, con 37 incidencias.