Dous accidentes de tráfico, en Carballo e Coristanco, causan importantes danos materiais

1 minutes read

Mañá movida a deste venres para os servizos de emerxencia de Carballo e Coristanco. Ao redor do mediodía producíronse, case de forma simultánea, dous accidentes de tráfico con outros tantos vehículos implicados en cada caso. O sinistro de Coristanco tivo lugar na travesía que cruza a vila, o carril de circulación sentido A Coruña quedou parcialmente cortado por un dos turismos durante case unha hora. Protección Civil encargouse da regulación do tráfico e producíronse algunhas retencións.

Sen dúbida, o sinistro máis aparatoso producíase en Carballo, á altura do número 53 da Avda. Ponte da Pedra. Un turismo que circulaba pola devandita vía alcanzou a outro na súa parte traseira e tras a inercia do golpe terminou envorcado na rúa. A súa única ocupante necesitou axuda para saír do turismo, pero afortunadamente non resultou con feridas reseñables, aínda que por precaución foi trasladada ao PAC da localidade para a súa observación. A rúa estivo cortada durante case unha hora, ata a retirada do turismo sinistrado. Ao lugar acudiron dúas patrullas da Policía Local, dúas dotacións de Bombeiros, unha Ambulancia do 061 e Protección Civil.

Accidente na travesía de Coristanco.