Dous accidentes deixan a catro persoas feridas en Santa Comba e Oleiros

Ambulancia Sergas Galicia

Durante a mañá deste venres rexistrouse un accidente na localidade do Xallas entre un turismo e un camión do leite cando circulaban pola estrada que une A Pereira con Muxía. Ambos condutores precisaron de asistencia sanitaria e foron trasladados ao centro hospitalario de referencia polos servizos sanitarios de urxencia. A carga do camión quedou intacta.

Unha testemuña do accidente foi a que deu o aviso de alerta ao 112 Galicia, os cales mobilizaron ademais a intervención dos Bombeiros de Santa Comba, xa que a caída dun poste eléctrico sobre un dos vehículos implicados fixo dudar sobre o estado do condutor, posiblemente atrapado no interior do vehículo. Finalmente, os bombeiros comprobaron que a persoa estaba liberada e accesible e descartaron empregar o equipo de excarceración.

No operativo tamén participaron os axentes da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico, así como dos efectivos do servizo local de Protección Civil.

Colisión frontal en Oleiros
Contra ás oito deste venres tamén tivo lugar un accidente en Oleiros, no que se viron implicados dous turismos que chocaron frontalmente na DP-5812, en Liáns, e o cal se saldou con dúas persoas feridas.

Un particular deu o aviso ó 112 Galicia, que se encargou de mobilizar ós Bombeiros de Arteixo para comprobar o estado dun dos afectados con posibles dificultades para saír do vehículo. Finalmente, os equipos sanitarios puideron acceder sen problema e, por tanto, descartaron a súa intervención.

Efectivos de mantemento da Deputación da Coruña foron os encargados da limpeza da vía e o restablecemento das condicións de seguridade.