Dúas persoas resultaron feridas durante a mañá deste luns en dous accidentes ocorridos na AC-101. Os sinistros tiveron lugar á altura dos puntos quilométricos 17 e 18 con poucos minutos de diferenza entre ambos.
O primeiro deles sucedeu ás 9:30 horas. Nese momento, varios particulares contactaron co 112 Galicia para informar dunha saída de vía en Ortigueira, á altura da parroquia das Neves, e na que unha persoa resultou ferida. Membros de Protección Civil das Pontes de García Rodríguez, que colaboraron no operativo tras ser alertados polo 112, indicaron que a saída de vía puido ser debido á sarabiada que caera nese momento no lugar.
Uns minutos despois, outro accidente na AC-101 puxo en alerta aos servizos de emerxencia. Dous vehículos chocaban á altura do punto quilométrico 18 e, segundo a información facilitada, as persoas feridas podían necesitar asistencia médica. Así, tras ser alertados polo 112, acudiu un equipo médico de urxencias, os Bombeiros do Eume e membros do GES de Ortigueira.
En ambos os dous sinistros foi necesaria a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e dos profesionais de mantemento da vía para asegurar a circulación no punto.