Dous accidentes graves, un en Berdeogas e outro en Sofán


Ás seis menos cuarto da tarde deste martes produciuse un accidente na estrada AC-413 que une Carballo con Ordes, ao seu paso polo lugar de Vioño na parroquia carballesa de Sofán. Un turismo que circulaba sentido Carballo saíuse da vía pola súa marxe dereita, caeu por un desnivel duns oito metros e incendiouse. O único ocupante do turismo puido saír a tempo polos seus propios medios, con feridas graves, pero consciente en todo momento, ata ser evacuado de urxencia en ambulancia. Ademais de avisar aos Bombeiros e ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-0 61, o 112 Galicia, tras recibir a alerta dun particular, solicitou a colaboración dos axentes de Tráfico, da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil. Tamén, o persoal do servizo de mantemento da estrada foi informado polo 112 Galicia.

Accidente en Vioño-Sofán

Accidente en Berdeogas

Ocorreu uns minutos antes das tres da tarde deste martes no cruzamento da AC-552 en Berdeogas, Dumbría, tras saírse da vía un turismo e chocar contra un muro. O condutor viaxaba só, foi excarcerado e evacuado en helicóptero ao hospital.

Accidente en Berdeogas-Dumbría