Dous accidentes na AC-552 e un incendio nunha nave en Bértoa mobilizaron aos servizos de emerxencia

2 minutes read

O primeiro dos sinistros producíase ás seis da tarde preto da rotonda de entrada ao polígono de Bértoa, tras a colisión de dous turismos, unha persoa resultou ferida, aínda que por sorte de consideración leve. Motivo a este accidente, en hora punta, producíronse importantes retencións no lugar. Unha hora máis tarde na mesma vía, pero neste caso xa no centro urbano de Carballo, á altura do número 61 da rúa Vázquez de Parga, tamén colisionaron dous turismos, co resultado de danos materiais.

Incendio nunha nave do polígono de Bértoa

O CIAE 112 Emerxencias Galicia pasou unha alerta á unha da tarde por un incendio nunha nave dunha empresa de transportes ubicada na rúa da Lousa do polígono de Bértoa, en Carballo. Ao lugar acudiron de inmediato a Garda Civil e os bombeiros de Carballo, este últimos unha vez no punto comprobaron que o incendio xa estaba a ser extinguido polo persoal da empresa, pero a nave estaba chea de fume. Os bombeiros localizaron o incidente nunha cabeza tractora situada no fondo da nave e o lume afectou a un gardabarros e varios equipos do vehículo. Non houbo persoas afectadas e descoñécese a orixe do lume xa que nese momento non había persoal traballando nesa zona da instalación. O lugar foi refrixerado polos profesionais anti incendios e o material afectado ventilado no interior da nave.

Sacan a un ferido polo parabrisas
Por último, en Camariñas, ás 10:30 horas deste venres, un turismo saíuse da vía na DP-1601, en Camelle. Segundo as primeiras informacións que chegaron ao 112 Galicia a través das chamadas de alerta, un dos ocupantes estaba atrapado dentro do coche, polo que rápido avisouse aos Bombeiros de Cee, ademais dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, axentes da Policía Local e Garda Civil de Tráfico e voluntarios de Protección Civil da localidade. 

Finalmente, entre axentes de seguridade e persoal sanitario puideron sacar a persoa polo parabrisas sen ter que usar os equipos de liberación. Non obstante, os Bombeiros de Cee continuaron no punto ata a retirada do vehículo accidentado e a limpeza da calzada.