Dous avións supersónicos sobrevoan Bergantiños de norte a sur

1 minutes read

Os veciños da comarca de Bergantiños sobresaltáronse a media mañá deste martes, sobre as 11:20 horas, ao escoitar un estrondo no ceo pouco habitual. Dous cazabombardeiros do Exército do Aire estaban a sobrevoar o espazo aéreo da comarca no marco dunha operación rutineira.

As naves supersónicas, que alcanzan velocidades que superan os 1.900 quilómetros por hora, atravesaron en escasos segundos e a baixa altura de Malpica a Carballo. As dúas aeronaves que puideron ser vistas este martes son do tipo F-18 e dispoñen dun canón Vulcan de 20 milímetros, dous mísiles Sparrow e dous mísiles Sidewinder de 7.700 quilos de cargas lanzables, segundo fontes oficiais.

Estes tipos de aeronaves foron parte importante de misións internacionais, como sucedeu entre os anos 1994 e 2002 no marco do destacamento Ícaro despregado na base italiana de Aviano.