Dous detidos como presuntos autores de diferentes roubos na Costa da Morte


A Garda Civil de Carballo detivo a un veciño de Santa Comba como suposto autor dun delito de furto en supermercados de Baio, Muxía e Santa Comba. Ademais detivo a un veciño de Carballo e investigou a outro pola comisión de diferentes delitos de roubo con forza en interior de vehículos en Sada, Ézaro e O Pindo. Tamén procedeu á investigación doutros dous homes por un delito de roubo con forza no interior dunha vivenda en Fisterra.

Os feitos sucederon por mor das denuncias por varios roubos cometidos en diferentes localidades da Costa da Morte. A Garda Civil abriu unha investigación en aras de constatar a súa veracidade, a identificación do autor ou autores no seu caso e a recuperación dos efectos subtraídos. No transcurso da mesma lograron a identificación plena do autor do primeiro ilícito grazas á colaboración cidadá e dos empregados dos supermercados. O modus operandi do agora detido consistía en facerse pasar por cliente do establecemento, aproveitaba o descoido dos traballadores para marcharse cos produtos subtraídos chegando a alcanzar estes un valor económico de máis de 1.000€.

No segundo ilícito a Garda Civil en colaboración coa Policía Local de Fisterra e A Laracha procedeu á detención dun home e a investigación doutro pola comisión de diferentes delitos de roubo con forza no interior de vehículos, feitos ocorridos en Sada, Ézaro e O Pindo. Subtraeran diñeiro por valor de máis de 1.000 euros e diferentes décimos de lotería. No último, a Benemérita procedeu á investigación de dous homes por un delito de roubo con forza no interior dunha vivenda de Fisterra.

Os dous investigados vixiaban as vivendas, cando comprobaban que non se atopaba ningún morador no seu interior, accedían á mesma forzando a porta de entrada e subtraían os obxectos de valor. Os detidos, xunto coas actuacións realizadas, foron postos a disposición xudicial do Xulgado de Garda de Corcubión.