Dous detidos por fabricar un falso xel hidroalcohólico que mesturaban con augardente

O produto, que carecía de poder desinfectante, foi adquirido principalmente por centros de saúde e hospitais. Os usuarios destes lugares foron os que deron a voz de alarma con varias queixas tras detectar o forte cheiro a augardente. O suposto produto desinfectante unicamente alcanzaba unha porcentaxe dun 25% de alcol, en lugar do 70% que debería conter. A investigación detectou que a empresa distribuidora carecía das autorizacións oportunas da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios para a fabricación do xel.

Debido á demanda do produto no mercado, os detidos -que se ofertaban como químicos con ampla experiencia- puideron colocalo facilmente evitando calquera requirimento documental e de calidade.Os investigados tiñan perfectamente distribuídas as súas funcións para a comisión deste feito delituoso, estando encargado un deles da parte comercial e a xestión coas empresas que adquirían o produto e outro enfocado á fabricación e a loxística.

No rexistro na nave avícola onde montaron o laboratorio, –situada en Boiro (A Coruña)-, a Garda Civil atopou 400 litros do falso xel hidroalcohólico xa envasado. Ademais, logrou incautar 6.400 litros do produto xa distribuído en hospitais e centros médicos de toda a xeografía española. As dilixencias atópanse no Xulgado de Instrución número 2 de Ribeira. A operación Quimigel foi dirixida polo Equipo Territorial de Policía Xudicial de Noia, pertencente á Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Coruña, en colaboración coa Axencia Española do Medicamento e persoal do departamento de Sanidade da Xunta de Galicia.