A Policía Nacional detivo na localidade lucense de Monforte de Lemos a dous mozos de 17 e 18 anos por violar supostamente dúas mozas das mesmas idades durante as festas patronais da localidade.
O detido maior de idade declarou no xulgado de Instrución número 1 de Monforte. Despois das declaracións do agresor e da vítima, e realizar outras dilixencias de investigación, a maxistrada acordou a súa posta en liberdade coa obriga de comparecencias semanais, retirada do pasaporte, prohibición de saír do territorio nacional, orde de afastamento da denunciante e prohibición de comunicarse con ela. Investígaselle por un delito de agresión sexual no marco da violencia de xénero.
Segundo apuntaron fontes da investigación, os feitos sucederon durante a madrugada do luns ao martes na contorna da gardería municipal monfortina, despois de coincidir tanto as supostas vítimas como os presuntos agresores nun establecemento de lecer nocturno da localidade.
As mozas denunciaron os feitos ao ser atendidas no Servizo de Urxencias do Hospital Comarcal de Monforte, e pouco despois os axentes da Policía Nacional procederon ás detencións.
A xunta de goberno local de Monforte de Lemos que se celebrará o vindeiro luns, 21 de agosto, acordará que o Concello forme acusación particular no caso.