A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, desprazáronse ata o concello de Muros para coñecer o proxecto empresarial de dous emigrantes galegos retornados de Suíza que puxeron en marcha unha comunidade de bens para dedicarse ao marisqueo na ría de Muros e Noia.
Francisco Javier Figueira Rey e Martín Miguéns Domínguez contaron cada un deles cunha axuda de 7.000 euros da Secretaría Xeral da Emigración a través do programa de Axudas ao Retornado Emprendedor co obxectivo de poñer en marcha esta nova iniciativa que aposta por un dos sectores tradicionais galegos e pola remuda xeracional.
Na visita estiveron tamén presentes a alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, e o patrón maior de Muros, Daniel Formoso. Alí a conselleira do Mar agradeceu que este tipo de axudas teñan en conta proxectos que se promoven no ámbito marítimo-pesqueiro e puxo en valor a súa importancia de cara a facer a actividade atractiva e favorecer a remuda xeracional no sector. Ademais, engadiu Rosa Quintana, iniciativas coma esta contribúen á competitividade da cadea mar-industria de Galicia.
Pola súa banda, o secretario xeral da Emigración aproveitou a visita para recordar que acaba de abrirse esta nova liña de axudas, que en 2021 conta cun orzamento de 800.000 euros. O pasado ano, beneficiáronse da mesma 94 emprendedores retornados, moitos deles residentes nun concello do rural coma Lousame.
Este programa de axudas ao emprendemento dos retornados conta este ano cunha liña especial a causa da covid-19, “xa que somos conscientes das dificultades que supón emprender e máis nun tempo tan complexo como o que estamos a vivir coa actual pandemia”.