Este mércores pecharon as actividades co gallo do VII Mes do libro organizado pola Biblioteca do IES Maximino Romero de Lema con dous encontros literarios. O primeiro deles foi con Raquel Fernández Fernández, autora de Contas de buxo que tivo a oportunidade de ler o alumnado de 4º ESO.
A autora nigranesa comezou revelando que o motivo que a levou a escribir este libro foi recuperar a excelente relación que tiña coa súa filla antes da adolescencia. Para iso, decidiu involucrala no proceso creativo, pedíndolle a súa opinión sobre o que ía escribindo. A estratexia resultou efectiva, aínda que confesou que, en ocasións, a rapaza quería influír na trama, cousa que non permitiu porque tiña moi clara a idea que quería desenvolver.
A escritora, que traballa no sector da restauración, confesou que sempre lle encantou ler e escribir, aínda que foi despois de facer un obradoiro de escrita, cando acadou o pulo necesario para crear esta primeira novela. Asegurou que é posible compaxinar diferentes paixóns ao mesmo tempo.
A continuación, ao responder ás preguntas formuladas polo alumnado, descubriu que a novela se basea en feitos reais, especialmente no relativo aos casos de violencia machista que aparecen, aínda que adaptados á ficción.
Óscar Reboiras puxo o broche final ao VII Mes do Libro cun encontro co alumnado de 1ºBACH arredor da súa primeira novela, A agonía das folerpas, galardoada co II Premio de Novela Galicia Rural 2022.
Despois da presentación realizada por dous alumnos, Alicia e Sergio, o escritor tomou a palabra. Comezou confesando que se iniciou na escrita sobre os corenta anos, momento no que recuperou o gusto pola literatura e a escrita. Logo de participar en dous obradoiros literarios, naceu esta impresionante novela chea de intriga e cunha historia que atrapa desde o principio.
Permitiu coñecer o seu proceso da escrita: como xurdiu a idea; como descubriu a aldea de Salgueiro no Parque Natural do Xurés; como querían que fosen os protagonistas da historia -persoas común, auténticos antiheroes que van medrando co desenvolvemento da historia- inspirados en características de familiares, amigos e coñecidos; como se documentou…
Tamén compartiu o seu método de traballo: é un autor compás, que vai descubrindo a trama a medida que a escribe. Aínda que, si tivo claro desde o principio, que quería contar dúas historias nas que a realidade histórica e a ficción se mesturasen. Pasado e presente que se unen a través dunha serie de asasinatos.
Houbo tempo para que o alumnado formulase preguntas e interactuase co escritor, o que deu lugar a reflexións moi enriquecedoras, entre elas, o papel do xornalismo na sociedade actual. Finalmente, expresámoslle o noso agradecemento a Óscar Reboiras por ter aceptado o convite para compartir connosco a súa experiencia literaria.
Con esta actividade o IES pecha un mes de valiosas achegas e recoñecemento por parte de figuras destacadas da literatura galega. Durante estas semanas, o alumnado tivo a oportunidade de descubrir de primeira man que detrás de cada éxito literario hai esforzo, dedicación e constancia. Dende o Centro, agardan poder celebrar o vindeiro ano unha nova edición que lles permita continuar promovendo a lectura, o pensamento crítico e o diálogo literario.