O ministerio de Exteriores confirma que había dous españois na lista de pasaxeiros e que non hai sobreviventes no avión sinistrado en Etiopía. A Embaixada está a facer xestións para entrar en contacto con ambas familias. Tamén a aerolínea Ethiopian Airlines informou de que as 157 persoas que ían a bordo do avión sinistrado que viaxaba desde Adís Abeba a Nairobi faleceron. Así o confirmou un portavoz da empresa, quen tamén sinalou que as vítimas proviñan de 33 nacionalidades diferentes.
O avión estrelouse este domingo na zona de Bishoftu ( Debre Zeit) con 157 persoas a bordo. Polo momento, descoñécense as causas deste accidente do aparello modelo Boeing 737, con 149 pasaxeiros e 8 membros de tripulación, que realizaba un voo regular. Aínda que, segundo expertos, a traxedia podería ser provocada por unha «velocidade vertical inestable».
Segundo un comunicado da compañía, o avión saíu do aeroporto de Bole ás 08.38 da mañá. A torre de control perdeu o contacto co aparello seis minutos despois, ás 08.44. Os restos do avión atópanse preto da poboación de Bishoftu, a uns 50 quilómetros ao suroeste da capital etíope.