Neste accidente, que tivo lugar no quilómetro 4 da AC-430, no cruce de acceso á Capela do Briño, en Borneiro, o GES de Ponteceso fixo uso do seu material de excarceración para liberar a un mozo da parroquia cabanesa de Nantón de 20 anos que resultou ferido de gravidade e tivo que ser evacuado do lugar ao hospital no helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela que acudiu ao sinistro.
O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos mediante o sistema de aviso de emerxencia dun dos vehículos implicados, pasados uns minutos das 13 horas deste domingo. Pouco despois, un particular chamou e concretou que polo menos unha das persoas era incapaz de abandonar o vehículo polos seus propios medios. De feito, os servizos de emerxencias comprobaron cando chegaron ao lugar que a persoa atrapada permanecía inconsciente. Foi cando desde Urxencias Sanitarias de Galicia-061 se mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Santiago, que aterrou no punto. Os membros do GES de Ponteceso encargáronse de excarcerar á persoa, que naquel momento aínda non recuperara a consciencia.
En canto aos ocupantes do outro turismo, unha muller e un bebé, tamén foron atendidos e evacuados do lugar en ambulancia do lugar ao hospital, aínda que en principio as súas feridas non revestían gravidade.