Ao fío das tres e media da madrugada deste sábado, o 112 Galicia era informado dun accidente con feridos na Ponte do Porto, á altura do número 8 da Rúa Gándara, no Paseo Marítimo.
Segundo indicaba o alertante que chamou ao 112 para pedir axuda, un coche saírase da vía e batera contra os bancos do Paseo Marítimo. Aseguraba que un dos ocupantes pedía auxilio.
Con estes datos, os xestores de emerxencias puxeron os feitos en coñecemento do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que derivaron unha ambulancia cara o punto. Do mesmo xeito, informaron á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, aos Bombeiros de Cee e aos efectivos de Protección Civil da localidade.
Unha vez no lugar, os Bombeiros confirmaron que dúas persoas resultaran feridas, unha delas de consideración, que foi trasladada polos equipos sanitarios ata o Hospital Virxe da Xunqueira de Cee.