Un dos vehículos envorcou e o seu condutor tivo que ser excarcerado e posteriormente trasladado nunha aeronave medicalizada ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
Un particular contactaba co 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que se acababa de producir un accidente entre dous vehículos, un deles envorcado, na AC-413, aproximadamente no punto quilométrico 10, en Xesteda, na localidade de Cerceda. Ademais, segundo o seu relato, o condutor podería necesitar axuda para saír do interior do turismo.
Así, desde o 112 Galicia informouse decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que derivou ao lugar o helicóptero medicalizado con base en Santiago, aos Bombeiros de Ordes, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e ao Servizo Municipal de Protección Civil da localidade.
Xa no lugar dos feitos, os Bombeiros confirmaron a excarceración do condutor do turismo, que foi trasladado na aeronave. Ademais, outra persoa tamén necesitou ser trasladada en ambulancia polo equipo sanitario.