Dous feridos, un deles grave, no accidente dunha avioneta en Caldas de Reis

1 minutes read
A aeronave tratou de tomar terra, pero na manobra, por causas que aínda se investigan, acabou envorcada sobre a pista de aterraxe._csag

O 112 Galicia recibiu o aviso por mor deste incidente arredor das 13:25 horas deste venres. O particular que empregou o número único de emerxencias indicou que sufrira un accidente cunha avioneta no aeródromo da parroquia de Godos. Ademais, indicou que había xente ferida e posiblemente atrapada.

Decontado, desde o CIAE 112 Galicia compartiuse a información co Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, cos Bombeiros de Vilagarcía de Arousa, coa Garda Civil, coa Policía Local e coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cuntis.

Ao presentar un fallo mecánico a aeronave tratou de tomar terra sobre a unha e media da tarde, segundo informou a Garda Civil; pero na manobra, por causas que aínda se investigan, a avioneta acabou envorcada sobre a pista de aterraxe.

O ferido grave, un home de 75 anos veciño do municipio pontevedrés de Pontecesures, foi trasladado por unha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao hospital Montecelo de Pontevedra.

Pola súa banda, o seu acompañante, outro home de 57 anos e natural de Caldas de Reis, ingresou no Hospital do Salnés, en Vilagarcía, con prognóstico leve.