- Trátase dun mozo de Rianxo e a súa noiva de Pontecesures, que se atopaban aloxados no hotel Kingsbury
Unha parella de mozos galegos faleceu na cadea de atentados perpetrados o domingo en varias igrexas e hoteis de luxo de Sri Lanka, segundo lle informaron ao alcalde da localidade de Pontecesures (Pontevedra), Juan Manuel Vidal, onde residía unha das vítimas. O Ministerio de Asuntos Exteriores corroborouno.
Un dos falecidos é Alberto Chaves (31 anos), natural de Rianxo aínda que actualmente traballaba para a empresa Profand Vayalat, unha filial na India de Profand, unha compañía viguesa adicada aos produtos conxelados do mar. Unha portavoz da mesma transmitiu a súa consternación pola morte de Chaves, e ofreceuse a axudar en todo o posible á familia.
Outra das falecidas é María González Vicente (32 anos) e natural de Pontecesures, que se atopaba de vacacións co seu noivo Alberto Chaves en Sri Lanka. Traballaba para a empresa familiar, especializada na equipación de traballo.
O alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, manifestou que se atopa «un pouco conmocionado», pois vivía a escasos metros da casa da falecida.
Vidal convocou esta tarde de luns unha reunión de portavoces municipal e este martes haberá un pleno extraordinario no que se decretarán varias xornadas de loito oficial. Tamén haberá loito oficial no municipio de Rianxo.