- O primeiro foi nunha máquina agrícola en Coristanco.
- O segundo no garaxe dunha vivenda unifamiliar en Bértoa.
Ás 13:16 horas deste mércores, tal e como informan os bombeiros de Carballo, foron avisados polo CIAE 112 dun incendio nun tractor na estrada que comunica Verdes con Cereo, no Concello de Coristanco. Cando chegaron xa estaba un membro de Protección Civol Coristanco realizando a extinción polo que continuaron os traballos de extinción e enfriamento, para o que empregaron auga a presión e escuma. O tractor non chegou a arder por completo pero quedou moi danado. Segundo o propietario, ía circulando cunha carga de area e o tractor comezou a arder. Non houbo danos persoais.
Lume nun garaxe en Bértoa
Ás 20:14 os bombeiros de Carballo foron avisados de novo polo CIAE 112 dun incendio no garaxe dunha vivenda unifamiliar de Queo de Arriba, na parroquia carballesa de Bértoa. Indicaban na chamada que había persoas no interior da vivenda. Unha vez no punto comprobouse que as persoas estaban no 1º andar da vivenda pero nunha zona segura xa que tiñan unha terraza traseira moi ampla. Os bombeiros extinguiron o lume, que estaba localizado nunha esquina do garaxe e preto do portalón de entrada, na zona onde estaban situados os cadros eléctricos. Despois da extinción tiveron que realizar unha ventilación forzada xa que se acumulou abundante fume tanto no garaxe como no canón da escaleira. As persoas residentes no inmoble non se viron afectadas xa que tiñan a porta de acceso ás escaleiras pechada.
Na intervención colaborou unha patrulla da Policía Local, un Policía fora de servizo e tamén o SMPC Carballo e a Garda Civil. Urxencias Médicas desprazou unha ambulancia de SVB pero non tivo que intervir.