Ás sete da tarde deste martes o 112 Emerxencias Galicia daba a voz de alarma por lume forestal na periferia de Carballo. En concreto o lume estaba localizado en dous focos diferentes, un na parroquia de Goiáns, próximo á estrada de Malpica e outro foco paralelo á AG-55, próximo á parroquia de Sísamo. En principio, resultou calcinado parte de monte e piñeiral en ambos os casos, as casas máis próximas atopábanse a uns 250 metros de distancia. Alertados os servizos de emerxencia, ao lugar acudiron a Garda Civil e a Policía Local de Carballo, ademais dunha cuadrilla do servizo de extinción de incendios forestais da Xunta de Galicia.