O accidente tivo lugar uns minutos antes das 11 da noite deste domingo de Reis á altura do quilómetro 12 da estrada AC-413 que comunica Carballo con Ordes, próximo á gasolineira situada no lugar da Tablilla, no límite dos Concellos de Cerceda e Tordoia.
Un turismo Citroen e un todoterreo Mercedes chocaron frontalmente de forma moi violenta, o accidente derivou nun incendio e os ocupantes do turismo Citroen quedaron atrapados e carbonizados no seu interior. Os ocupantes do Mercedes foron evacuados de urxencia en estado moi grave.
Investígase o ocorrido e que vehículo puido invadir o carril contrario. Aínda que a zona é un tramo recto de vía, neses momentos había unha densa néboa que non favorecía a visibilidade para a condución.
Ao lugar, coordinados polo 112 Emerxencias Galicia, desprazáronse varias dotacións de equipos de auxilio para atender ás vítimas, os Bombeiros de Ordes, Garda Civil de Tráfico e Protección Civil da localidade. A estrada estivo cortada durante varios minutos.