Dous mortos e un ferido grave, incidencias salientables deste martes de entroido en Galicia

Axencia Galega de Emerxencias 112

Falece un home tras ser arroiado por un tren en Lugo

Un home faleceu na madrugada de hoxe tras ser arroiado por un tren na altura da Avenida Infanta Elena Duquesa de Lugo.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do suceso á medianoite de hoxe a través do servizo de seguridade do Administrador de Infraestructuras Ferroviarias de España (ADIF), que informaba dunha persoa que foi alcanzada por un convoi na entrada de Lugo. Cómpre sinalar que o tren, que facía a ruta entre A Coruña e Madrid, levaba tres persoas que puideron continuar o camiño cara aos seus destinos tras restablecerse a circulación férrea ao redor da 01:00 hora da madrugada.

Así, desde o 112 Galicia, solicitouse a intervención dos profesionais sanitarios, Policía Nacional e Policía Local. Ademais, informouse tamén aos Bombeiros de Lugo e voluntarios de Protección Civil da localidade por se fora necesaria a súa colaboración.

Unha persoa perdeu a vida en San Cibrao a causa dun atropelo

nha persoa resultou falecida a noite pasada en San Cibrao tras ser alcanzado por un vehículo na OU-540, á altura do punto quilométrico 10,000.

O accidente produciuse pasadas ás 21:45 horas e ata o lugar desprazouse un equipo médico, que tan só puido confirmar o falecemento da vítima.

Nada máis recibir a chamada de alerta, na cal o persoal sanitario comunicaba que unha UVI móbil se desprazaba ao punto, o 112 Galicia informou decontado aos Bombeiros de San Cibrao, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e GES de Pereiro do Aguiar.

No operativo tamén participaron os membros de Protección Civil de Barbadás que axudaron a recuperar as condicións de seguridade na vía.

Un home trasladado no helicóptero medicalizado ao pasarlle un tractor por riba do corpo en A Pobra do Brollón

Sucedeu preto das 12:30 horas desta mañá no concello lucense da Pobra do Brollón, na parroquia de Castrosante, onde o vehículo agrícola pasáballe por riba do corpo a un home. Así o narraba a persoa particular que chamaba ao 112 Galicia para solicitar asistencia médica urxente para o ferido.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, mandouse aviso aos profesionais sanitarios, que enviaron á zona o helicóptero medicalizado con base en Santiago, aos bombeiros de Monforte de Lemos e a Garda Civil. Non obstante, unha vez no lugar do accidente, comprobaron que o ferido estaba liberado e accesible, polo que descartaron empregar o material de excarceración.

Así mesmo, solicitouse a colaboración dos membros do GES de Folgoso do Courel e Protección Civil da localidade.