Dous mortos en senllos accidentes de tractor en San Amaro e Covelo


O 112 Emerxencias de Galicia informou na tarde deste martes do falecemento de dúas persoas en senllos accidentes con maquinaria agrícola. 

Un deles ocorreu en Grixoa, en San Amaro, pasadas as 17:00 horas, onde un home faleceu a causa dunha caída desde o remolque dun tractor. Segundo confirmaron os axentes de Garda Civil, foi unha fochanca o que provocou a caída do home contra a calzada.

O outro foi en Covelo, onde perdeu a vida o condutor dun vehículo agrícola despois de envorcar nunha leira do lugar de Barcia. Ao lugar trasladáronse os profesionais sanitarios, unha patrulla da Garda Civil e os voluntarios de Protección Civil de Oitavén-Tea.