Á última hora deste mércores preocupaban os lumes en Zamora e León, que deixaban 8.000 evacuados, un morto e sete feridos, catro deles en estado crítico, e os de Ourense. A provincia galega, que se mantiña en nivel 2 de emerxencia, estaba a levarse unha das peores partes da vaga de incendios, con máis de 11.000 hectáreas queimadas en varios focos diferentes. Mentres, o lume tamén azoutaba Estremadura. Toda a comunidade estaba en nivel 2 e sobre o terreo estba a traballar a Unidade Militar de Emerxencias (UME). O ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, anunciaba nunha entrevista que o Goberno solicitou á Unión Europea o envío de dous avións cisterna Canadair para reforzar os labores de extinción nos focos máis perigosos. Estes aparellos teñen unha capacidade superior a 5.500 litros cada un e serán destinados ás comunidades autónomas que se consideren prioritarias pola súa situación. Marlaska non descarta pedir máis recursos humanos ou materiais se os gobernos autonómicos así o solicitasen. O Ministerio activou previamente unha folla informativa de emerxencia no Mecanismo Europeo de Protección Civil para facilitar o acceso rápido a medios adicionais.