Dous mozos profesionais lucenses, Manuel Chadi e Hugo Rodríguez, preocupados ante a situación que se presentaba en pleno confinamento, crearon un dispensador totalmente accesible, solar, sostible e de alta capacidade. Despois de semanas de desenvolvemento e traballando exclusivamente con empresas autonómicas nace así o primeiro dosificador solar do mercado feito en Galicia. «Esta idea nace provocada pola necesidade e o traballo, xa que polo cesamento de actividade necesitabamos ideas novas para ofrecer comercialmente, e tamén porque queriamos achegar a nosa parte para frear ao virus», asegura Chadi. O dosificador solar está especialmente deseñado para a súa colocación en lugares públicos que alberguen unha gran afluencia de xente como «parques, prazas ou centros comerciais».