Dous ocupantes dun coche danse a fuga tras sufrir un accidente en Arteixo


Seriamente danados quedaron os dous vehículos implicados no accidente acontecido á altura da urbanización Sol e Mar de Oseiro.

“Foi un accidente cun golpe frontal entre dous vehículos. Houbo tres persoas implicadas. Unha foi trasladada ao CHUAC nunha ambulancia e os outros dous, segundo a Garda Civil, fuxiron”, confirma o xefe do parque de bombeiros de Arteixo. 

Son os dous ocupantes que viaxaban nun Citroën Xsara e, segundo fontes da investigación, ningún deles é o propietario do vehículo. É máis, o propio titular dixo descoñecer por que estaba o seu coche, que non presentaba síntomas de que fora forzado, no lugar do sinistro.

Agora, o subsector de tráfico da Garda Civil da Coruña é quen se encarga da investigación para poder esclarecer o acontecido.