Dous operarios feridos en dous accidentes laborais en A Estrada e O Pereiro de Aguiar

No concello da Estrada, un traballador foi evacuado nun helicóptero medicalizado ao Hospital Clínico de Santiago. Un particular daba conta do suceso ás 11:45 horas deste venres. Indicaba que un operario quedara enganchado nunha máquina mentres realizaba o seu traballo no lugar da Carballeira, en San Miguel de Castro, e que estaba ferido de gravidade nunha perna. Con todo, o alertador aseguraba que estaba totalmente liberado.

Así, decontado, desde o 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que derivou ao lugar dos feitos o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela.

Igualmente, os xestores de emerxencias puxeron os feitos en coñecemento da Garda Civil, da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil da localidade.

Tras tomar terra no lugar, os servizos sanitarios confirmaron o trasladado do operario na aeronave.

Accidente laboral en Pereiro de Aguiar
Por outra banda, sobre as 11:15 horas, o 112 Galicia tamén era informado doutro accidente laboral. Neste caso tratouse da caída desde unha altura de, aproximadamente, uns catro metros dunha operaria nunha fábrica situada no lugar de Cortiñas, en Prexigeiró.

O aviso ao 112 Galicia chegou por parte dos servizos sanitarios, que comunicaban que o helicóptero medicalizado con base en Ourense se desprazaba ata o lugar.

Desde o 112 e para prestar apoio ao equipo médico e á aterraxe da aeronave solicitouse a colaboración dos membros do GES de Pereiro, da Garda Civil e Protección Civil da localidade.

Finalmente, segundo a información recibida no 112 Galicia por parte do persoal sanitario, a traballadora puido ser trasladada nunha ambulancia ao Complexo Hospitalario de Ourense.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha