Dous proxectos da comarca recoñecidos co premio de innovación na Formación Profesional

1 minutes read

A Xunta de Galicia vén de recoñecer un total de 37 proxectos cos premios de innovación na Formación Profesional. Nestas iniciativas, coordinadas por 25 centros públicos, participan un total de 47 Centros integrados de FP (CIFO) e Institutos de Educación Secundaria (IES), así como 70 empresas e entidades, o que demostra un gran traballo colaborativo e a unión de forzas entre a FP e o sector empresarial.

Entre os recoñecidos están o LoRaWAN NEMET, do carballés IES Monte Neme, ademais do Sistema de diagnose mediante parametrización de sensores en máquina de peche, do IES Fernando Blanco de Cee.

O obxectivo destes galardóns, que teñen unha dotación económica de 800.000€, é potenciar as iniciativas innovadoras, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades, procurando a calidade e a excelencia na Formación Profesional e o fomento do emprendemento.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade aposta por transformar os ciclos en ensinanzas que se adapten ao contorno produtivo e ao novo modelo económico baseado no coñecemento como forza impulsora. Deste xeito estase a camiñar cara a un sistema de formación profesional máis áxil, flexible e eficiente, estreitamente vinculado ás demandas formativas da poboación e ao impulso de valores como a creatividade, a innovación e o traballo en equipo, así como á estimulación do espírito emprendedor.