Dous puntos máis sumou o Calvo Xiria ante o Forbe Reconquista de Vigo, (27-25)

1 minutes read

O Forbe Reconquista de Vigo chegaba forte a Carballo tras a vitoria conseguida a xornada anterior ante o Rodosa BM Chapela e que lle achegaba os postos de honra da táboa clasificatoria. Partido igualado por tanto, entre dous equipos que non renuncian a capitanear os postos de cabeza da competición. Algel Iglesias abría o marcador aos 2:30 minutos de partido para o Reconquista e Carlos Martín sería quen se encargaría de igualar un minuto máis tarde. O Calvo Xiria lograba abrir unha brecha de cinco goles no marcador en 17 minutos, 11-6. Tentou recompoñerse ben o conxunto visitante nos últimos minutos do primeiro tempo, ao que se chegaba con resultado de 16-12. A igualdade foi a tónica dominante nos primeiros minutos da segunda parte, con boas intervencións dos dous porteiros. Co luminoso en 23-21 a falta de 15 minutos, o partido seguía aberto e todo podía pasar. Unhas boas intervencións de novo de Antonio Mato deron pé ao Xiria para recuperar balón e irse de tres. O reconquista non cedía, un rigoroso penalti no minuto 25 case igualaba o partido 25-24. Un gol de García Pichel, tamén de penalti, outro gol de Gabriel e unha moi boa parada de Antonio Mato permitiulle ao Calvo Xiria sumar apuradamente os dous puntos nun partido igualadísimo, 27-25. O BM Chapela será o próximo rival do Calvo Xiria, partido que xogará de novo na casa.