Drons e novos medios tecnolóxicos de vangarda para a Policía Local da Coruña


O Goberno municipal presentou os novos equipos tecnolóxicos de última xeración que reforzarán á Policía Local, equipos nos que o Concello da Coruña executou un investimento superior aos 100.000 euros coa finalidade de dotar de máis medios de vixilancia e prevención á Unidade de Tráfico e á Unidade de Convivencia e Seguridade. Ademais, a maiores da partida xa referida, a Policía Local adquiriu dous novos vehículos de control, adscritos á Sección de Disciplina Vial.

Destaca o novo sistema ‘Control-Car’, que substituirá ao vehículo de vixilancia integral (AVI), e pode ser instalado e incorporado a calquera vehículo policial, aínda que será acoplado nun automóbil recentemente adquirido, con distintivos policiais e adscrito á Sección de Disciplina Vial. O equipo abrangue, ademais, un maior abano de accións para o control en materia de tráfico e circulación: as infraccións estáticas de estacionamento (dobre fila, estacionamento indebido en paradas de autobús ou zonas de carga e descarga…) e tamén no referente ao control da situación administrativa do vehículo (seguros obrigatorios, ITV). Este sistema comezará a operar a vindeira semana en aquelas zonas da cidade sobre as que existe unha maior demanda de intervención policial no relativo ao tráfico.

Unha vez finalizado o proceso de formación correspondente, así como o cumprimento dos requisitos técnico-administrativos necesarios para poder operar con eles, a Policía Local da Coruña disporá de dous novos drons Mavic 2 Enterprise Advanced, destinados á Unidade de Tráfico e á Sección de Medio Ambiente, co obxectivo de que sexan empregados en controis de eventos e dispositivos por un lado e, por outra banda, no seguimento e intervención en materia de control de posibles vertedoiros ilegais e a vixilancia do cumprimento das ordenanzas municipais relacionadas con Medio Ambiente, achegando medios de proba en caso de sancións por comportamentos que contraveñan a normativa vixente.