As alumnas de 4º da ESO Laura Ferreiro e Leticia Vázquez, coordinadas pola profesora de Bioloxía, Cecilia Folla, veñen de ser premiadas no concurso Petiscos de Ciencia 2025, polo seu vídeo ADN á vista. Os premios entregaranse nun acto público organizado pola Facultade de Ciencias da USC.
Petiscos de ciencia
O concurso “Petiscos de ciencia”, promovido pola Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Ciencias co apoio do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago de Compostela, reapareceu co obxectivo de (re)conectar a universidade e o coñecemento científico coas novas xeracións.
Esta iniciativa diríxese ao alumnado da ESO, formación profesional e bacharelato dos institutos de Galicia e de áreas galegofalantes de fóra da Comunidade autónoma. Pódese participar de forma individual ou en grupos de como máximo 3 persoas, coordinados por un/unha docente do seu centro de ensino.
Para participar había que elaborar e presentar un vídeo en galego de entre 30 e 90 segundos, inédito e orixinal, que atenda cun enfoque divulgativo a calquera tema relacionado coa ciencia.