Axentes da policía detiveron dúas persoas pola súa implicación nunha liorta que se resolveu a puñaladas á primeira hora deste luns no centro da capital galega. Segundo indican fontes da investigación, foron tres persoas as implicadas na pelexa.
Como consecuencia das coiteladas, unha das persoas, de 31 anos, foi trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago en estado grave, aínda que non se teme pola súa vida.
O suposto agresor foi detido pola policía, ao igual que un terceiro participante na liorta que tamén resultou ferido e permanece ingresado baixo custodia no mesmo hospital santiagués. Segundo a información dos servizos de emerxencias, o suceso ocorreu pouco despois das 7:00 horas da mañá deste luns á altura do número 15 da rúa Santiago de Chile.
Durante a mañá, axentes da Policía Científica rastrexaron o lugar na procura da arma utilizada na agresión e doutras evidencias. Tamén reclamaron as gravacións das cámaras de seguridade dos comercios situados nas proximidades.