Dúas empresas presenta ofertas á Xunta para a obra de rehabilitación integral do colexio O Areal de Camariñas

A Xunta de Galicia recibiu ofertas de dúas empresas para executar a obra de rehabilitación integral do Colexio O Areal de Camariñas, licitada por máis de 1,1 M €. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP analizará agora as propostas para proceder á adxudicación da actuación e á súa posterior execución. As empresas aspirantes son Obras y Servicios Gómez Crespo e Iam Rumbo Instalaciones y Obras.

O obxectivo é renovar por completo a envolvente do centro para mellorar o confort térmico da comunidade educativa no seu día a día e a eficiencia enerxética das instalacións. Para iso, o programa de actuación inclúe o cambio da cuberta por unha nova de panel tipo sándwich con illamento térmico, dun  total de 1.726 m², así como a instalación de sistema SATE nos 1.864 m² de fachadas.

Así mesmo, mudaranse as 87 fiestras  exteriores e 69 portas que aínda non foran renovadas. Tamén se incorporarán novas luminarias no recinto exterior do colexio, que non existen na actualidade, e acometerase o acondicionamento acústico interior do patio cuberto a base de chapas microperforadas de aceiro galvanizado lacado e panel interior de la de vidro.

No interior do edificio instalaranse nova iluminación (337 luminarias en total) e falsos teitos e realizaranse tarefas de pintado, ademais de realizarse outras melloras complementarias. 

A intervención inclúe tamén a mellora da accesibilidade do centro, coa construción e adecuación de ramplas desde os patios ata o colexio e a redistribución do núcleo de aseos da planta baixa para crear dous aseos adaptados.

A actuación enmárcase nas primeiras 16 obras programadas pola Consellería en centros de ensino para este ano, cun investimento total de máis de 16 M€. No conxunto do ano, o investimento da Xunta en obras en centros educativos ascenderá a un total de 73,6 M€, un 4% máis.

Related posts

O Concello da Laracha renova o convenio para facilitar a xestión da biomasa nas faixas secundarias

O FIOT repite un ano máis entre os mellores proxectos culturais de Galicia

O PP de Cee pon en valor o papel crave das asociacións e reclama máis apoio e medios para elas