Dous falecidos en Noia, un ferido en Fisterra e dous en Carballo


Un mozo e unha moza faleceron esta madrugada tras quedar atrapados ao sufrir un accidente mentres circulaban no seu vehículo ao paso pola parroquia coruñesa de Santa Mariña do Obre.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, ao fío das 5:15 horas da madrugada, un turismo chocou contra unha vivenda ao saírse da vía na AC-550, á altura do punto quilométrico 74. Os ocupantes atopábanse inconscientes e o vehículo quedara en moi mal estado.
De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias puxeron en marcha un operativo que contou coa intervención do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Boiro, dos membros do GES de Brión, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, dos voluntarios de Protección Civil de Noia e tamén avisouse ao servizo de mantemento da estrada por se fose necesaria a súa colaboración na limpeza da vía.
Tras as labores de excarceración, as vítimas foron atendidas polos servizos sanitarios de urxencia que realizaron, sen éxito, as manobras de reanimación pertinentes.

Excarcerada unha persoa en Fisterra:


Aínda na provincia da Coruña, outra saída de vía saldouse con unha persoa ferida que tivo que ser excarcerada tras quedarse atrapada ao colidir o coche no que viaxaba contra unha casa na Rúa Cabello, á altura do número 37.

Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia poucos minutos antes das 07:00 horas da mañá para informar do accidente.

Decontado, os xestores do CIAE 112 solicitaron a colaboración dos servizos sanitarios de urxencia, dos Bombeiros de Cee, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e tamén dos voluntarios de Protección Civil da localidade.

A persoa ferida foi liberada polos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Cee e trasladada ao centro hospitalario de referencia.

Accidente en Carballo:

Preto das 9 da noite do domingo tivo lugar unha colisión frontolateral entre dous turismos na estrada comarcal 552, en concreto xusto debaixo da ponte da AG-55 entre A Revolta – Carballo e Montecelo – Coristanco, co resultado de duas persoas feridas. Acudiro ó lugar do sinistro unha ambulancia e a Garda Civil.

Un dos coches quedou no centro da estrada e o outro saiu despedido fora da mesma