Un home faleceu ao envorcar o tractor que conducía en Boborás (Ourense). O accidente ocorreu cando o vehículo agrícola circulaba por unha pista, no lugar de A Vila, en Pazos de Arenteiro.
Os Bombeiros de Xinzo e os membros do GES de Avión achegáronse de inmediato ao punto, tras ser alertados polo 112 Galicia, por se fose necesario o uso dos equipos de excarceración. Sen embargo, non foi necesario liberar á persoa, segundo informaron os efectivos de Protección Civil, os mesmos veciños puideron levantar o vehículo agrícola e o home puido ser auxiliado polos servizos sanitarios, que tamén se atopaban no punto.
Ademais, debido á gravidade do accidente, os profesionais sanitarios optaron por mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense. A aeronave tomou terra no mesmo lugar pero nada se puido facer por salvarlle a vida.
Ao igual que os servizos sanitarios, Bombeiros, GES e Protección Civil, o 112 Galicia nada mais recibir a chamada de alerta a través dun particular, tamén informou dos feitos á Garda Civil de Tráfico.
Operario falecido en Castro de Rei
Tamén, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, era alertado polo persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 dun accidente laboral no lugar de Prevesos, no termo municipal lucense de Castro de Rei.
Tratouse dun operario que traballaba para unha empresa da construción. Segundo se lle informou ao 112 Galicia, o traballador conducía un camión que portaba diverso material, cando ao manipular a carga caeulle unha peza de formigón enriba deixándoo atrapado.
Por iso, acudiron ao punto nada mais ser alertados polo 112 Galicia, os Bombeiros de Vilalba, que liberaron á persoa falecida e os axentes da Garda Civil.