Dúas persoas feridas a causa dun accidente entre unha moto e un turismo en Santa Comba

1 minutes read

Dúas persoas resultaron feridas a causa dunha colisión entre unha moto e un turismo rexistrado na AC-400, en Santa Comba. Para atender aos feridos, acudiu ao lugar o helicóptero medicalizado con base en Santiago, que evacuou a un dos ocupantes da moto sinistrada. A outra persoa foi trasladada en ambulancia, mentres que os servizos de emerxencias se encargaron da limpeza da calzada co fin de restablecer as condicións de seguridade.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos profesionais sanitarios, o accidente produciuse cando ambos os dous vehículos circulaban á altura do punto quilométrico 61, ao paso pola parroquia de Mallón. Durante a súa comunicación, indicaban que os dous ocupantes da moto necesitaban asistencia médica tras impactar contra o turismo. 

Decontado, o persoal do 112 pediu a colaboración dos membros dos Bombeiros de Xallas, así como dos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, dos membros de Protección Civil de Santa Comba e dos equipos de mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas.