Dúas persoas feridas nun accidente en Ponteceso

1 minutes read

Dúas persoas resultaron feridas de consideración nun accidente que se produciu ás 11:30 horas deste luns na estrada AC-419 que comunica Buño con Ponteceso, próximo ao lugar de Pazos de Arriba. Un turismo Mercedes chocou cun tractor agrícola e dúas persoas tiveron que ser atendidas no lugar polos servizos de emerxencia. Ao momento, alertados polas 112 Emerxencias Galicia, acudiron dúas patrullas da Garda Civil de Tráfico, unha ambulancia do 061, Protección Civil de Ponteceso e ata o propio alcalde da localidade, Lois García Carballido, estivo presente para interesarse polo estado das persoas feridas. Dáse a circunstancia que nesa zona xa se produciu outro sinistro similar en xullo de 2019. Trátase dun tramo recto da estrada, pero con distintos accesos a pistas de labradío e forestais, o que chama a prestar especial atención á presenza ou acceso de maquinaria agrícola na calzada.