Dúas persoas feridas nunha saída de vía na Pobra do Caramiñal


Dúas mozas resultaron feridas, unha delas de gravidade, nun accidente de circulación acontecido de madrugada á entrada da Pobra do Caramiñal. O coche, no que viaxaban de pasaxeiras, sufriu unha saída de vía cando circulaba pola estrada que une A Pobra con Boiro, á altura da ponte do río Pedras.

O turismo acabou batendo contra o peche dunha vivenda e, a consecuencia do forte golpe, as dúas mulleres sufriron feridas mentres que o condutor saíu ileso. As vítimas quedaron atrapadas no interior do vehículo e foi preciso a súa excarceración por cadansúa dotación de Bombeiros de Boiro e Ribeira, que se encargaron da incidencia.

A pasaxeira que viaxaba no asento de atrás apareceu na parte anterior do habitáculo, cun forte golpe na cabeza e en estado semiinconsciente. Ambas as dúas vítimas foron trasladadas en ambulancia ao hospital do Barbanza. Foi necesario pechar un dos carrís da estrada mentres os servizos médicos atendían as vítimas, aínda que non se produciron retencións.