O accidente ocorreu na AC-546, no quilómetro 9 ao seu paso pola parroquia de Corneira, en A Baña. Pasaban cinco minutos das tres da tarde deste luns cando un particular informaba ao 112 Galicia do sucedido. Segundo relataba, un coche chocara frontalmente contra unha casa e podería haber persoas feridas e, a maiores, algunha persoa atrapada.
Axiña, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias-112 Galicia informaron a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao GES de Brión e aos axentes da Garda Civil.
Finalmente, cando os servizos de emerxencia chegaron ao punto, confirmaron que non foi necesario excarcerar a ningunha persoa, aínda que o accidente saldouse con dous feridos. Un deles evacuado en helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela e outro deles trasladado en ambulancia ao hospital.