Dúas persoas feridas, unha delas excarcerada, ao saírse da vía o coche no que circulaban en Carral


Os Bombeiros de Arteixo interviñeron co material de excarceración para liberar a unha das persoas feridas. Por outra banda, a outra persoa accidentada, que se atopaba accesible, sufriu feridas na cabeza e nun brazo.

Tras recibir os primeiros auxilios no lugar do sinistro, as dúas persoas ocupantes do vehículo foron trasladadas ao centro hospitalario de referencia en ambulancia.

Os feitos sucederon no punto quilométrico 15 da N-550, á altura da parroquia de Tabeaio.

Un particular contactaba co 112 Galicia para alertar do accidente. Segundo sinalaba na súa comunicación, había persoas atrapadas no vehículo por mor do impacto.

Axiña, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Arteixo, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da vía de circulación.